De ciencia ...

Baldaio

Un MUSEO natural á beira da nosa casa que temos que preservar.
Xabier Fraga. Profesor. Outubro 2021


A escasos 20 minutos en coche dende Carballo (ou o dobre en bicicleta), podemos atopar un auténtico museo natural, BALDAIO.


A estrada que nos conduce ata alí ten moi bo asfalto e mesmo apetece desfrutala nun paseo en bicicleta. O único inconvinte é que, á volta, teremos que esforzarnos un pouquiño para superar algún que outro tramo empinado. Pero con calma e sen afán de bater nengunha plusmarca, poderemos chegar ata un mirador onde descansar, tomar un grolo e gozar das fantásticas vistas deste espazo natural: marisma, duna e lagoa.


Baldaio destaca pola súa relevancia turística, paisaxística e económica, pero sobre todo é recoñecido internacionalmente polo seu valor biolóxico. A biodiversidade faunística e botánica é innegable. Sirva de exemplo que, das aproximadamente 330 especies de aves limícolas rexistradas en Galicia, en Baldaio contabilizáronse unhas 250. Unha delas a protagonista da foto, a píllara das dunas, ave pequena e escurridiza moi ameazada en todo o norte peninsular, e que en Baldaio ten un dos seus lugares predilectos para aniñar.


A píllara das dunas en Baldaio é como o cadro "As Meninas" no museo do Prado: algo único que temos que preservar. A ningúen se lle ocorre achegarse á obra de Velázquez e raspar nela coa unlla para comprobar se a pintura está fresca. Pois o mesmo debemos de pensar cando, paseando polo areal de Baldaio, atopemos o cercado que protexe algún niño da píllara: non nos achegemos, pois iso pon en perigo a supervivencia dos poliños e, en consecuencia, da especie.

Píllara das dunas. Charadrius alexandrinus

Píllara das dunas. Charadrius alexandrinus

Cartel de advertencia

Cartel de advertencia